Friday 03 de May de 2024

Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela coorganizan por primeira vez Santiago(é)tapas


A octava edición de Santiago(é)tapas celebrarase do 12 ao 29 de novembro

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e os presidentes da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos e José Antonio Riveiro, presentaron no Pazo de Raxoi o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades para coorganizar o concurso de tapas da cidade, Santiago(é)tapas, que se desenvolverá entre os días 12 e 29 de novembro.
A octava edición de Santiago(é)tapas será a primeira ocasión na que o Concello, a través de Turismo de Santiago, e o sector turístico, a través da Asociación Hostelería Compostela, organizan conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, que neste tempo tense consolidado xa como un referente fundamental para a promoción turística da gastronomía de Compostela.
A coorganización de Santiago(é)tapas é unha concreción da vontade de colaboración entre o Concello e a Asociación Hostelería para desenvolver estratexias e proxectos conxuntos que permitan que a cidade siga posicionándose como un destino de calidade, cunha oferta atractiva durante todo o ano para múltiples segmentos de turistas.
Santiago(é)tapas naceu no ano 2008 da man de Turismo de Santiago co obxectivo de convertirse nun evento de referencia para a promoción gastronómica da cidade. Naquela primeira edición a Asociación Hostelería Compostela participou como colaboradora do evento, nunha fórmula que se seguiu nas seguintes tres edicións.
No 2012, cando se celebrou a quinta edición de Santiago(é)tapas, a Asociación Hostelería Compostela encargouse de organizar directamente o concurso, contando con Turismo de Santiago como patrocinador institucional. Este modelo repetiuse durante as últimas tres edicións do evento.
Santiago(é)tapas xa ten superado as 200.000 tapas vendidas nas sete edicións que se teñen celebrado ata o momento, cunha media dunhas 30.000 tapas consumidas por ano. Estas cifras amosan as posibilidades do concurso non só como ferramenta de promoción senón tamén como evento dinamizador do consumo para os establecementos.
Un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela é consolidar Santiago(é)tapas nun mes fixo, xa que ata o momento ten variado nas súas datas de celebración. Seleccionouse novembro para, nun mes de temporada turística baixa, fomentar unha oferta atractiva que conxugue gastronomía e cine, unindo as posibilidades de Santiago(é)tapas e Cineuropa, evento cultural xa consolidado e de referencia.